|
O Club Balonmán Tui afronta dos encontros decisivos esta fin de semana
Os equipos necesitan o máximo apoio do público tudense no novo pavillón deportivo municipal
Esta fin de semana é decisivo para as aspiracións do Club Balonmán Tui de cara ao próximo ano, xa que disputa dous encontros con dous dos seus equipos xogándose o ascenso a autonómica e a permanencia nesta categoría.
Así mañá sábado, no novo pavillón deportivo municipal tudense, o equipo cadete masculino disputará o seu encontro ás 17.00 horas, fronte ao Balonmán Ártabro, na loita polo ascenso á categoría autonómica. E ao remate deste encontro, ás 18.30 horas, o equipo de categoría autonómica feminina, disputará o encontro pola permanencia fronte ao Culleredo.
Por isto, dende o Concello de Tui desexamos moita sorte a estes equipos na consecución dos seus obxectivos, así como se anima, nestas xornadas festivas de San Telmo, ao público tudense, a acudir ao pavillón a animar ao Club Balonmán Tui.
Municipio de A Guarda
Concerto de Batemento, verbena coa orquestra América e Concurso de Karaoke centran a proposta musical do venres de San Telmo
Rematan as actividades infantís con "Troula" na Corredoira e coa proxección de "El libro de la Selva". O grupo de teatro Atalaia representará "A Lotaría".
Tui afronta os tres días grandes das festas de San Telmo con deporte, música, teatro, e
Mañá sábado, 22 de abril, o programa festivo ábrese Andaina de San Telmo que forma parte do circuíto de Andaina das Eurocidade que sairá ás 10h dende o palco da música no Paseo da Corredoira. Consta dun un percorrido de 10 quilómetros de dificultade doada. A inscrición ten un prezo de 5€ para adultos, e 3€ para os menores de 12 anos. Os interesados téñense que anotar en www.andatui.es.
A partir das 12h no campo de fútbol Álvarez Durán celébrase a Copa San Telmo de Fútbol Veterano entre o Tyde F.C. e do S.C. Valenciano.
A charanga tudense Cantos Somos será a encargada de amenizar musicalmente as rúas de Tui onde actuará de 12 a 14h e dende ás 21h. O paseo da Corredoira acollerá dende ás 17h unha concentración e exposición de coches antigos na que participarán medio centenar de vehículos de toda a comarca.
A partir das 19h polas rúas de Tui desfile de Xigantes e Cabezudos, acompañados polo grupo de gaitas Santa Columba de Ribadelouro.
Mentres ás 20.15h remata a IX Semana de Teatro Afeccionado San Telmo da man do grupo de teatro Mesturanzas de Areas coa estrea da obra "A herdanza de Dona Urraca" escrita pola directora do grupo Mónica Villar. As entradas poranse á venda ás 19.45h ao prezo de 1,5€.
A música será a gran protagonista no remate da xornada coa celebración a partir das 21.30h na Praza de San Fernando do III Encontro de Bandas de Gaitas Cidade de Tui coa participación da Banda de Gaitas Sons de la Cossetania de Tarragona, Banda de Gaitas Provincia de Pontevedra, Banda de Gaitas Xuntanza de Catalunya e Banda de Gaitas San Xoán de Paramos, sendo esta última a organizadora do evento. Ás 22.30h o grupo Pelepau, formado por 12 percusionistas, achegarán a súa proposta de música tradicional ás festas. Mentres a verbena mañá sábado correrá a cargo da orquestra Abanico.
O domingo o programa festivo comeza coa Carreira Popular de San Telmo organizada polo Club Atletismo Tui na que participarán 750 persoas, dende a categoría pitufos ata veteranos participarán este domingo na Carreira Popular de San Telmo organizada polo Club Atletismo Tui. A saída será ás 11h dende o Paseo da Corredoira. Os primeiros serán os seniors cun percorrido de 5 quilómetros. A continuación terá lugar a carreira para as categorías inferiores.
Ás 11.30 h sairá dende a a Área Panorámica ata a Praza de San Fernando, o desfile Exaltación do traxe tradicional acompañado polo grupo de gaitas Lóstregos e de baile Saragana da Asociación Xuvenil e Cultural do Traxe Tradicional de Tui.
A charanga Cantos Somos volverá actuar polas rúas de Tui a partir das 17h. Ás 21.30h no Paseo da Corredoira ofrecerá un concerto o grupo 6TÁS9 e a verbena da noite correrá a cargo da orquestra Aramio no Paseo da Corredoira e da orquestra Capitol na rúa Compostela.
O luns día grande das festas de San Telmo, festivo local en Tui, o programa ábrese coa Feira Cabalar no barrio de San Bartolomeu a partir das 8h, dende ás 10h haberá concurso morfolóxico de cabalos españois, árabes e cruzados, e a partir das 12h de cabalos de pura raza galega puntuable, este último para a Copa Galicia PRG 2017. A clausura da feira será ás 13h co espectáculo ecuestre a cargo do Lucía Valladares.
Pola tarde ás 18.00 h na Praza de San Fernando ofrecerá un concerto a Banda de Música da Escola Naval Militar de Marín. E ás 19.30h actuará no Paseo da Corredoira a Banda de Música Popular de Tui. Previamente ás 19 h entrará no Paseo da Corredoira a Banda de Guerra e Guión da BRILAT e que a continuación, na Praza de San Telmo realizara a homenaxe aos confrades de San Telmo falecidos.
Ás 21h sairá a solemne procesión de San Telmo dende a Catedral para facer un percorrido polo casco urbano e regresar ao templo catedralicio, é un dos actos procesionais máis numerosos de cantos se celebran en Tui e na comarca, tanto polo número de imaxes chegadas de todas as parroquias tudenses, coma polo número de persoas que participan na mesma.
A última verbena correrá a cargo da orquestra Compostela, e ás 23.30h realizarase a tirada de fogos de artificio, pechando así as festas de San Telmo 2017.
Programación
Sábado 22
" 10.00 h dende o palco da música no Paseo da Corredoira saída da Andaina Festas San Telmo. Prezo: 3€ e 5€.
" 12.00 h no Campo de Fútbol "Álvarez Durán" de Tui, Copa San Telmo Eurocidade.
" 12.00-14.00 h polas rúas de Tui actuación da Charanga Cantos Somos.
" 17.00 h no Paseo da Corredoira, concentración e exposición de coches antigos.
" 17.00-21.00 h polas rúas de Tui actuación da Charanga Cantos Somos .
" 19.00 h polas rúas de Tui desfile de Xigantes e Cabezudos, acompañados polo grupo de gaitas Santa Columba de Ribadelouro.
" 20.15 h no Teatro Municipal IX Semana de Teatro Afeccionado San Telmo. O grupo de teatro Mesturanzas de Areas estrea "A herdanza de Dona Urraca" - 80'. Entrada 1,5€.
" 21.30 h na Praza de San Fernando III Encontro de Bandas de Gaitas Cidade de Tui.*en caso de choiva celebrarase na igrexa de San Domingos. Coa participación da Banda de Gaitas Sons de la Cossetania de Tarragona, Banda de Gaitas Provincia de Pontevedra, Banda de Gaitas Xuntanza de Catalunya e Banda de Gaitas San Xoán de Paramos
" 21.00-22.30 h na rúa Compostela verbena coa orquestra Abanico.
" 22.30-00.30 h no Paseo da Corredoira concerto de Pelepau.
" 00.30-02.00 h na rúa Compostela verbena coa orquestra Abanico.
Domingo 23
" 10.30-13.30 h no Paseo da Corredoira, Carreira Solidaria San Telmo.
" 11.30 h Desfile Exaltación do traxe tradicional dende a Área Panorámica ata a Praza de San Fernando, grupo de gaitas Lóstregos e de baile Saragana da A.X.C. do Traxe Tradicional de Tui.
" 12.00h Misa ofrenda a San Telmo presidida por D. José Mª Menéndez, párroco de San Juan de la Arena
" 17.00-20.00 h polas rúas de Tui actuación da Charanga Cantos Somos.
" 18.30-20.00 h no Paseo da Corredoira verbena coa orquestra Aramio.
" 20.00-21.30 h na rúa Compostela verbena coa orquestra Capitol.
" 21.30-23.00 h no Paseo da Corredoira concerto de 6TÁS 9.
" 23.00-00.30 h no Paseo da Corredoira verbena coa orquestra Aramio.
" 00.30-02.00 h na rúa Compostela verbena coa orquestra Capitol.
Luns 24
" Dende as 09.00 h en San Bartolomeu Feira Cabalar de San Telmo, todo o día con actividades.
" 11.00h na Catedral procesión das reliquias pola Coronilla, e misa na honra a San Telmo presidida polo bispo da Diocese e cantada pola Coral San Telmo de Tui
" 18.00 h na Praza de San Fernando concerto da Banda de Música da Escola Naval Militar de Marín.*En caso de choiva cancelarase.
" 19.00 h no Paseo da Corredoira entrada da Banda de Guerra e Guión da BRILAT e a continuación, na Praza de San Telmo homenaxe aos confrades de San Telmo falecidos.
" 19.00-21.00 h na rúa Compostela verbena coa orquestra Olympus.
" 19.30-20.30 h no Paseo da Corredoira concerto da Banda de Música Popular de Tui. *En caso de choiva cancelarase.
" 21.00 h Solemne procesión de San Telmo.
" 23:30 h Tirada de fogos de artificio.
" 00.00-01.00 h na rúa Compostela verbena coa orquestra Olympus.
Municipio de A Guarda
"A Semana Santa na Guarda amosou uns resultados excelentes"
Pasada a semana santa e unha vez coñecidos os datos recollidos pódese afirmar que A Guarda tivo unha excelente afluencia de visitantes e turistas durante esas datas.
Máis de 11.000 persoas visitaron o Monte Santa Trega dende o martes ao domingo. Outro aspecto a destacar é que en tan só 3 días máis de 500 persoas realizaron unha visita guiada ao Castro de Santa Trega polo que puideron coñecer con profundidade o noso castro grazas as explicacións do guía. O número de persoas que accederon ao monte e aquelas que fixeron a visitas guiadas ao castro tiveron un incremento do 30% con respecto ao ano anterior. Con motivo do centenario do MASAT tamén se organizaron visitas guiadas no Museo Arqueolóxico de Santa Trega de martes a sábado con 215 persoas. O resultado foi positivo xa que os visitantes cada vez amosan un maior interese en coñecer o monte e o museo.
En canto aos datos recollidos no punto de información turística habilitado no MASAT, Museo Arqueolóxico de Santa Trega, se atenderon a 254 persoas en 100 consultas referidas ao castro e ao monte en xeral, que visitar na Guarda e os arredores. Madrid e Castela León son as procedencias máis destacada aínda que tamén houbo consultas de estranxeiros: Portugal, Francia, Alemaña, EEUU e Xapón. Sen esquecerse de galegos, do interior como Ourense ou Lugo. Aínda que foron numerosos os visitantes de contorna e da provincia de Pontevedra.
Outra novidade da semana santa foron as visitas guiadas ao casco histórico da Guarda. Estas visitas tiveron unha boa acollida, xa que unhas 80 persoas percorreron as nosas rúas e prazas comezando no porto pesqueiro, continuando en dirección ao casco antigo e seguir ata o Castelo de Santa Cruz e regreso de novo ao porto.
Segundo a enquisa realizada aos establecementos hoteleiros da Guarda a ocupación foi moi positiva comparando con anos anteriores. Algúns propietarios indicaron que tiveron unha ocupación do 75 % e outros acadaron o 100 % da ocupación. Consultados os restaurantes tamén trasladaron que esta semana santa tamén foi moi positiva e que non recordan outra similar con moitos clientes dende a fin de semana anterior. Algúns dos establecementos indicaron que dende o martes o traballo foi continuo como nas mellores semanas de agosto. Outro indicou que non puideron atender a toda a demanda que se achegou.
A combinación de bo tempo, o importante patrimonio e a excelente gastronomía demostrou que A Guarda continúa a ser un dos destinos máis visitados de Galicia.
Municipio de A Guarda
O alumnado de 3º da ESO do IES A Sangriña realiza un mural-grafitti de benvida á Guarda
Os alumnos e alumnas da clase de 3º da ESO do Instituto A Sangriña están traballando na realización dun mural situado xunto a Alameda, na Rúa Galicia, e o alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a Concelleira de Turismo, Montse Magallanes quixeron achegarse este xoves pola mañá ata o lugar.
Esta actividade forma parte de Urban Art Project, un proxecto interdisciplinar da Sección Bilingüe de 3º da ESO do IES A Sangriña, coordinado polos profesores Beatriz Núñez (Plástica), Alfredo Garrido (Música) e Rosana Moreira (Inglés) e que ten como obxectivo implicar á xuventude na vida económico-social da súa vila a través da arte.
Este proxecto comprende a elaboración dun mural-grafitti de benvida á Guarda e un video promocional da localidade destinada ao turismo estranxeiro, para o cal o centro conta coa axuda de Brais Martínez Villa. O resultado final, ese vídeo que se está a realizar, estará colgado na web do concello e de Turismo da Guarda.
A iniciativa, organizada dende o propio centro educativo en colaboración co Concello da Guarda, supón unha oportunidade para que o alumnado participe nun interesante proxecto multidisciplinar que ademais axuda a poñer en valor a riqueza da Guarda e a implicación da súa comunidade educativa.
Municipio de A Guarda
O BNG insta á Xunta e ao Concello á solucionar os problemas xabarín na Guarda
"O BNG presentou iniciativas no concello da Guarda e no Parlamento galego na procura dunha solución definitiva"
O Bloque Nacionalista Galego segue a denunciar a presenza do xabarín en zonas habitadas no concello da Guarda.
O pasado martes 18 de abril, varias persoas atoparon xabarín na zona da Sangriña, dentro da contorna dunha zona escolar.
Dende o BNG vese con preocupación a falta de interese que está amosando a Xunta de Galiza no control desta especie no concello da Guarda.
O BNG ten realizado unha campaña para que se tomen medidas serias sobre o control do xabarín na Guarda.
"A Xunta do PP e o Goberno municipal do PSOE teñen que tomarse este tema en serio, falamos de animais salvaxes en zonas escolares, habitadas ou de cultivos. Esperemos non ter que lamentar unha desgraza", comentou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG.
O BNG presentou unha moción no concello aprobada por unanimidade na que insta ao Goberno galego do PP á busca dunha solución definitiva. O BNG, tamén, presentou unha iniciativa no Parlamento galego no mesmo sentido pola Deputada nacionalista Montse Prado.
BNG de A Guarda
A Ruta do Pincho da Lamprea do Miño 2017 conclúe co sorteo de agasallos e a elección do pincho máis valorado
O mércores día 19 de abril tivo lugar, no Concello da Guarda, a realización do sorteo de agasallos entre os participantes da Ruta do pincho da lamprea do Miño 2017 e o previo reconto do Concurso ao mellor pincho da ruta. Esta iniciativa celebrouse na Guarda as dúas primeiras fin de semanas deste mes de abril e tivo unha gran acollida.
A ruta, que naceu por iniciativa dos viveiristas e pescadores da lamprea da Guarda para dar a coñecer e promocionar este produto, contou con 8 establecementos que ofreceron pinchos coa lamprea como protagonista a un prezo único de 2 euros. Ademais de degustar a lamprea, esta ruta permitiu aos clientes valoralos e ser xurado do concurso cos votos depositados nas urnas dos establecementos, puntuando do 1 ao 6 cada pincho.
Tras facer o reconto, o resultado foi a elección do restaurante Bitadorna como o establecemento que ofreceu o mellor pincho nesta edición. Ademais, o reconto de papeletas tamén achega un número estimado de pinchos servidos, que nesta edición rondou os 500. As procedencias foron do máis diversas, dende os que viñan da Guarda ou localidades veciñas como O Rosal ou Oia; pasando por xente de concellos de toda a provincia como O Porriño, Nigrán ou Redondela e ata doutras provincias de Galicia ou de fóra, como Madrid ou a vila portuguesa de Braga.
Entre todos os participantes que cubriron e entregaron as papeletas sorteouse esta mañá tres lotes de viño, que serán entregados o vindeiro mércores 26 de abril, ás 12 horas, no Concello da Guarda. Os gañadores foron:
1º- Felipe Vicente González (A Guarda): 3 botellas Rectoral de Umia (Albariño).
2º- Benedicto Sousa Álvarez (O Rosal): 3 botellas Rectoral de Amandi (Mencía).
3º- Rafael Pablo Rodríguez Amenedo (A Guarda): 3 botellas de Alanís (Ribeiro).
Con este sorteo dáse por rematada unha ruta que tivo unha gran acollida e que esperase poder repetir o vindeiro ano, xa que deixou unha gran satisfacción e un bo sabor de boca tanto aos establecementos como aos clientes que participaron e permitiu que moita xente puidera descubrir ou volver a desfrutar dun recoñecido produto local como é a lamprea.
Municipio de A Guarda
A Guarda adica a fin de semana ao Día Internacional do Libro
Este domingo día 23 de abril conmemórase o Día Internacional do Libro e, dende A Guarda, organizan diversas actividades para que pequenos e maiores poidan celebrar e desfrutar desta importante data.
Como xa fora anunciado a finais de marzo, durante todo este mes o Libro está a ser o gran protagonista da programación da Concellería de Cultura coa campaña "Abril Mes do Libro". Esta inclúe un "Certame de Microrrelatos", no que todo o que quixo puido presentar dende o 1 ata o 18 de abril a súa obra. A partir deste mércores día 19 e ata o sábado 29 de abril, os máis de 30 traballos presentados estarán expostos no Centro Cultural da Guarda. Os participantes recibirán un pequeno agasallo na Biblioteca Municipal, o venres 21 ás 18 horas, en agradecemento pola súa colaboración. Tamén se impulsou a iniciativa "Mochilas viaxeiras de Semana Santa" entre os nenos e nenas da vila durante estes pasados días festivos.
Ademais, nesta fin de semana na que se celebra o Día Internacional do Libro, concéntranse tres actividades adicadas a el. O venres 21 ás 21 horas, o Centro Cultural acollerá unha sesión de cinema especial polo Día do Libro na que se poderá ver o filme "Al encuentro de Mr. Banks", que retrata a historia de como Walt Disney conseguiu facerse cos dereitos da obra "Mary Poppins" para levala ao cinema.
E a campaña polo mes do libro remata o sábado día 22, con dúas actividades no Centro Cultural. Pola mañá, ás 11'30 horas, volven os Contos Contados polo Día Internacional do Libro co espectáculo "As historias de Kamishibai". E por último, ás 17'30 horas, proxectarase unha nova película relacionada co mundo da literatura: 'Cenicienta'. Pecharase así un mes adicado a celebrar o Libro e todo o que significa, así como a promover o valor da literatura e o hábito da lectura entre os guardeses e guardesas.
Municipio de A Guarda
Aberto o prazo de presentación das solicitudes para os campamentos de verán 2017 da Xunta de Galicia
A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, oferta a programación de actividades da Campaña de Verán 2017.
Servizos ofertados
1. A participación na oferta da Campaña de verán 2017 realizarase mediante inscrición individual ou múltiple (para os supostos de dous/dúas, tres ou catro irmáns/ás). As persoas participantes disporán dos seguintes servizos:
a) Un programa de actividades de carácter sociocultural, recreativo, formativo e convivencial, que posibilite a participación do/a mozo/a.
b) Aloxamento en albergue xuvenil, residencia xuvenil ou campamento xuvenil.
c) Manutención en réxime de pensión completa.
d) O material necesario para a actividade.
e) Un equipo técnico de persoal especializado en animación sociocultural e actividades de tempo libre e actividades náuticas, de ser o caso. Así mesmo, e para o caso das persoas con necesidades especiais por razón da súa discapacidade, disporase de persoal de apoio que conte con formación e experiencia para atender as súas necesidades.
f) Atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes.
Idades: poderán participar os mozos e mozas que teñan entre 9 e 17 anos.
-Os/as nacidos/as no ano 1999 non poderán cumprir 18 anos antes da finalización do campamento.
-Os/as nacidos/as no ano 2008 deberán ter cumpridos 9 anos ao inicio do campamento.
Ningún/ningunha participante poderá ser admitido/a en máis dun campamento por ano.
A adxudicación das prazas será por sorteo.
Prezo: O prezo rolda entre os 113€ - 232€ na nosa comunidade e noutras comunidades autónomas ata 293€.
Os membros de familia que teñan o título de numerosa terán un desconto do 50%.
As persoas usuarias do Carné xove gozarán dun desconto do 25%.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 2 de maio pero na OMIX terán que entregarse ANTES desa data.
Máis información no seguinte enlace http://xuventude.xunta.es/index.php?option=com_content&view=article&id=50 ou na OMIX da Guarda.
Municipio de A Guarda
A Guarda acolleu unha sesión informativa sobre o distintivo de calidade turística SICTED
A Casa dos Alonso foi o escenario escollido pola Deputación de Pontevedra para realizar unha sesión informativa dirixida principalmente ao sector turístico da comarca do Baixo Miño, que tivo lugar este xoves 20 de abril pola mañá.
Nesta reunión, á que acudiron o alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a Concelleira de Turismo, Montse Magallanes, asistiron representantes de empresas turísticas e negocios do sector tanto da vila como das localidades veciñas. Ante eles o deputado de Turismo, Santos Héctor e Tania Abalde, a consultora que implanta o SICTED, presentaron o proxecto que está a impulsar a Deputación de Pontevedra de asesoramento gratuíto para implantar o distintivo de calidade turística SICTED.
Hai unhas semanas que comezou unha campaña informativa e de captación de novas empresas, e o deputado destacou que máis de 50 empresas xa solicitaron a súa adhesión para acadar este distintivo. Tras a reunión foron moitos os empresarios da zona que tamén se interesaron en ser incluídos no mesmo, xa que as empresas que acaden o distintivo poderán mellorar o seu funcionamento e certificarán que o servizo que prestan é de calidade. O prazo para adherirse ao proxecto da Deputación estará aberto ata o 14 de setembro e todo o que o desexe pode informarse directamente na Oficina de Turismo do Concello da Guarda. Unha vez finalizado este prazo virá a formación e o asesoramento coas empresas e rematarase cunha avaliación. En última instancia será a Secretaría General de Turismo quen valore cales son as propostas que deban ser recoñecidas co distintivo SICTED.
En total existen 203 empresas que contan co distintivo de calidade turística no Destino Rías Baixas da provincia de Pontevedra e, grazas a esta iniciativa poderase mellorar aínda máis a prestación de servizos en lugares tan turísticos como A Guarda, que cada día máis son un referente para o sector.
Municipio de A Guarda
CONVERTER A AECT RÍO MIÑO NUNHA FERRAMENTA DE DESENVOLVEMENTO, OBXECTIVO DA XORNADA INTERNACIONAL SOBRE COOPERACIÓN TRANSFRONTEIRIZA
Deputación, Concello de Tomiño e CIM reclaman que "os fondos europeos destinados a cooperación transfronteiriza se destinen realmente á fronteira"
O 5 de maio celebrarase unha segunda xornada en Tui coa mobilidade transfronteiriza como eixo central
A Deputación de Pontevedra reúne durante o día de hoxe en Tomiño aos máximos especialistas en Cooperación Transfronteiriza de toda Europa. A xornada, denominada 'A nova AECT Río Miño dende unha visión comparada: a raia e Europa', contou na sesión de apertura coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva, do deputado provincial de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, do secretario territorial da Xunta, Ramón Pereiro, do director da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galiza-Norte de Portugal, Rubén C. Lois, do presidente da Cámara de Vilanova da Cerveira e representante do CIM Alto Minho, Joao Fernando Brito Nogueira, e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González. Nas intervencións de apertura, tanto a presidenta da Deputación como o representante do CIM e a alcaldesa de Tomiño coincidiron nunha reivindicación unánime, ao insistir en reclamar que "os fondos europeos destinados a cooperación transfronteiriza sexan destinados realmente á fronteira".
O obxectivo deste encontro, segundo indicou o deputado Uxío Benítez, "è o de coñecer experiencias exitosas no eido da cooperación entre territorios a nivel peninsular e europeo, para extraer conclusións e poñelas en práctica na AECT Río Miño". Benítez aproveitou ademais para anunciar que o vindeiro 5 de maio o concello de Tui acollerá unha segunda xornada, cuxo tema central será a Mobilidade Transfronteiriza. Hai que lembrar que a día de hoxe, a Deputación de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho están á espera da aprobación oficial para a nova AECT do Miño, que busca reforzar as sinerxías existentes entre ambas as beiras do río. Neste sentido, a presidenta do ente provincial, Carmela Silva, salientou que esta Agrupación "deber ser unha ferramenta útil, de desenvolvemento para a veciñanza do territorio da AECT, que cree espazos de oportunidades, que aposten pola creación de emprego, polas infraestruturas e polo medio ambiente".
Pola súa banda, Ramón Pereiro insistiu en destacar a "homoxeneidade cultural deste territorio, o que favorece de xeito positivo a iniciativa e constitúe un elemento de unión". O secretario territorial da Xunta fixo un percorrido polos proxectos de cooperación transfronteiriza que xa existen a nivel galego-portugués, para destacar a importancia deste tipo de iniciativas. Joao Fernando Brito Nogueira puxo en valor a necesidade de "pugnar polos dereitos do noso territorio" en referencia ao destino dos fondos europeos transfronteirizos, e na oportunidade de "construír a partires da fronteira, coa vontade de ambas beiras do río de que a Agrupación sexa un éxito". A esta vontade tamén se referiu a alcaldesa da localidade, Sandra González ao sinalar que "en Tomiño ao igual que no resto da raia do Miño levamos moito tempo facendo cooperación, mesmo de xeito intuitivo". Lembrou, ademais, que Tomiño e Vilanova da Cerveira plasmaron formalmente esta cooperación fai dous anos na Carta de Cooperación Transfronteiriza. Sandra González afirmou que "agora é o momento de dar máis pasos, e esta AECT é o instrumento que nos permitirá avanzar e chegar aos lugares nos que se toman as decisións con voz propia".
A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño, que está en proceso de constitución, inclúe 16 concellos galegos (A Guarda, O Rosal, Oia, Tomiño, Tui, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra, Ponteareas, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, Arbo, Crecente, A Cañiza e Covelo) e dez cámaras do Norte de Portugal (Melgaço, Monçao, Paredes de Coura, Valença do Minho, Vila Nova de Cerveira, Arcos de Valdevez, Caminha, Ponte da Barca, Ponte de Lima, e Viana do Castelo.
Experiencias e programa
Na xornada que se está desenvolvendo en Tomiño, están a participar personalidades tan destacadas como Slaven Klobucar, administrador das AECT e da Cooperación Transfronteiriza no Comité das Rexións, ou Martín Guillermo, secretario Xeral da Asociación de Rexións Fronteirizas de Europa, ambos os dous representantes de institucións de xestión das agrupacións europeas dentro da UE que falarán sobre as necesidades e oportunidades destas asociacións. No ámbito das experiencias internacionais concretas, destaca a participación de Johanna Fischer, xestora de proxectos da AECT Eurodistrict Saarmoselle (territorio franco-alemán) e de Zoltán Bará, director Executivo da AECT Pons Danubii (territorio húngaro e eslovaco).
A AECT Saarmoselle pretende promover a cooperación transfronteiriza entre o estado federado de Sarre e o departamento francés de Mosela en aras de aumentar o atractivo e a competitividade do territorio transfronteirizo, garantir o seu crecemento, emprego e calidade de vida. Así mesmo, o labor da entidade é defender os intereses da rexión transfronteiriza fronte a institucións rexionais, estatais e europeas. Neste sentido hai que sinalar que afecta a un territorio de máis de 600.000 habitantes e que, dende a súa creación en 2010, xa puxo en marcha varios proxectos, como a conexión por medio de liñas de autobús, o estudio de instauración dun ferrocarril urbano ou a valorización de contornos de paisaxe fluvial ('A banda azul do Sarre') e de patrimonio industrial ('O roteiro do lume'). Entre os seus obxectivos futuros está a posta en marcha de escolas infantís transfronteirizas, a cooperación no ámbito da planificación urbanística e territorial ou mellorar a cooperación sanitaria.
Pola súa banda, a AECT Pons Danubii, artellada arredor do río Danubio, foi oficialmente rexistrada en decembro de 2010, sendo a decimoquinta agrupación de cooperación transfronteiriza da Unión Europea.
Tamén hai cabida para experiencias de AECT dentro da Península Ibérica, como Xosé Lago, director da AECT Galicia-Norte de Portugal; Pablo M. Rivera, director executivo da AECT Eurocidade Chaves-Verín; José L. Pascual, director xeral técnico da AECT Duero-Douro; Francisco Muñoz, secretario técnico da Eurocidade do Guadiana ou Carmen Arribas, responsable técnica da AECT León-Bragança.
Como exemplo, o responsabe da AECT Duero-Douro, tamén organizada arredor dun río -igual que no caso do Miño-, explicará o funcionamento as características da agrupación, creadas en marzo de 2009 e que conta actualmente con 200 membros. Ata o de agora vén traballando en proxectos, con e sen financiamento comunitario, arredor da igualdade de oportunidades, do desenvolvemento económico e local, do transporte público, da I+D+i, e do turismo, a cultura e a acción social, entre outros ámbitos.
Avento Producións chega o sábado a Tomiño coa obra "Como sobrevivir a unha apocalipse zombi"
A actuación está dentro da programación cultural de primavera do Concello de Tomiño,
e terá lugar no auditorio de Goián, o sábado 22 de abril, ás 22.00 horas
Avento Producións Teatrais chega o vindeiro sábado a Tomiño (Auditorio de Goián) co espectáculo "Como sobrevivir a unha apocalipse zombi", unha obra en ton de comedia, que se desenvolve a modo de máster class. Con moita participación do público, ensináselle ao público, a sobrevivir ante a proximidade dun apocalipse zombi.
Avento Produccións, unha das tres compañías viguesas que colaboraron na produción, baixo a dirección de Manuel Pombal, trae este espectáculo, cos seus actores Marcos Alonso e Xoán Abreu, acompañados ademais por Bea Campos, de Triatreros, e Suso Pando, de Fulano, Mengano e Citano.
Trátase dunha obra interactiva, na que os actores precisan da participación do público. Así, dividen o aforamento en dous grupos. Os espectadores deciden que nome reciben e despois loitan entre si. É un xogo no que os actores van facendo preguntas e probas, repartindo un programa de sala no que se realizan as puntuacións que o propio público se outorga.
Como sobrevivir a unha apocalipse zombi é unha versión do aclamado éxito británico "How to Survive a Zombie Apocalypse". A produción galega é a primeira montaxe do texto que se fai na Península.
A actuación está dentro da programación cultural de primavera do Concello de Tomiño. A función terá lugar no auditorio de Goián, o vindeiro sábado 22 de abril, a partir das 22.00 horas, podéndose adquirir as entradas dende unha hora antes en taquilla.
Tomiño leva a pleno o convenio con Xunta e Deputación, para a construción dunha variante que reduza o tráfico no núcleo urbano
Entre as obrigas do Concello, figuran as de achegar unha partida de 261.240,36 euros (con cargo ao Plan Concellos 2017 e 2018), e asumir a titularidade do tramo afectado da estrada autonómica PO-344
O Concello de Tomiño celebrará o vindeiro xoves, 20 de abril, ás 19.00 horas, na Casa da Cultura, sesión plenaria de carácter ordinario, na que se proporá a aprobación do convenio de colaboración entre Xunta de Galicia, Deputación Provincial e Concello, para a "Mellora da conexión entre a EP-3102 Tomiño-Sabarís e a PO-344 ao seu paso polo núcleo urbano do Seixo".
Este convenio posibilitará a construción dunha variante ao núcleo do Seixo; un proxecto estratéxico para o futuro do municipio, que xa foi aprobado cos votos a favor do BNG, PP e CdT e coa abstención do PSOE, nunha anterior sesión plenaria.
O mencionado convenio de colaboración, será asinado pola presidenta da Axencia Galega de Infraestruturas, Ethel María Vázquez; a da Deputación de Pontevedra, María del Carmen Silva, e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, comprometéndose cada unha das tres administracións, a desenvolver e asumir diferentes tarefas e responsabilidades.
Entre as obrigas do Concello de Tomiño, figuran as de achegar unha partida de 261.240,36 euros (con cargo ao Plan Concellos 2017 e 2018), e asumir a titularidade do tramo afectado da estrada autonómica PO-344.
Pola súa banda, a Xunta de Galicia farase cargo do proceso de expropiación urxente (antes do 1 de xullo de 2017), cun custe de 933.219,98 euros, e o contrato de servizo, que suma en catro anualidades 29.139,20 euros. Unha vez rematado o devandito proceso, cederá os terreos á Deputación de Pontevedra, coma novo titular da estrada.
Esta última (Deputación de Pontevedra) será quen se encargue de elaborar o documento técnico; levar a cabo a licitación e execución das obras; contratos de servizo accesorios e seguimento da execución, facéndose cargo dos gastos correspondentes, que non poderán superar os 2.351.163, 26 euros.
Antecedentes
A proposta da variante xurdiu dunha demanda que o goberno municipal lle fixo á Deputación en setembro de 2015, para solucionar os problemas de tráfico e paso de vehículos polo núcleo urbano.
A Deputación de Pontevedra redactou un estudo para a mellora da conexión entre a EP-3102 Tomiño-Sabarís e a PO-344 ao seu paso polo núcleo urbano do Seixo. Este estudo previo definiu como solución máis acaída a prolongación da EP-3102 a modo de variante ao Seixo, coa finalidade de conseguir unha conexión viaria eficaz entre a estrada provincial EP-3102 Tomiño-Sabarís e a estrada autonómica PO-344, xa que na actualidade a confluencia destas estradas ao seu paso polo núcleo urbano do Seixo, soporta un volume de tránsito de vehículos que afecta o normal desenvolvemento da vida diaria e o desfrute do espazo público.
Ademais, o desenvolvemento de Tomiño nos últimos anos ten provocado un aumento poboacional importante (arredor dun 30% en 15 anos) e a creación dunha serie de equipamentos públicos (instituto de ensino secundario, campo de fútbol, pavillón polideportivo, centro de saúde, centro de día, centro de persoas con discapacidade, etc.) co conseguinte incremento do paso de vehículos polo centro urbano.
Segundo a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, "esta actuación será estratéxica para o futuro desenvolvemento de Tomiño e posibilitará un crecemento mais ordenado, así coma seguir transformando Tomiño e facendo do noso concello un lugar que cambia para favorecer a mobilidade e desfrute do espazo público".
Este proxecto foi presentado en xullo deste ano á conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, así como unha proposta de colaboración para o financiamento e execución deste investimento entre as tres administracións.
Despois da votación plenaria e do respaldo maioritario a esta reivindicación da corporación municipal de Tomiño, a alcaldesa salientou "o sentido de responsabilidade dos grupos políticos do PP e CdT" e agradeceu que "se antepoñan os intereses públicos para así entre todos facer ver á Deputación e Xunta da necesidade deste proxecto para o futuro de Tomiño".
Outro dos puntos da Orde do Día deste xoves, e a Aprobación Inicial da Relación de Postos de Traballo do Concello de Tomiño (RPT), e a moción do BNG polo transporte público ao Hospital Álvaro Cunqueiro. (Xuntamos Orde do Día).
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, quere facer público o seu malestar polo feito de que a Consellería de Medio Ambiente organizara un acto en Tui ao que non foi convidado o Concello
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, quere facer público o seu malestar polo feito de que a Consellería de Medio Ambiente organizara un acto en Tui ao que non foi convidado o Concello.
O pasado martes día 20 a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e o responsable de Caixabank en Galicia, Marc Benhamou, asinaron un acordo marco para colaborar en dous proxectos de I+D+i, o través da Fundación La Caixa e coa participación das universidades de Santiago e de Vigo. O acto da sinatura tivo lugar nas instalacións do Parque Natural do Monte Aloia, para máis tarde realizar unha visita a distintos lugares deste espazo protexido.
Entende o rexedor tudense, Enrique Cabaleiro, que as máis elementais normas de cortesía terían indicado a necesidade de, como mínimo, informar, ou o que sería máis axeitado, convidar a ese acto ao Concello de Tui, representado polo seu alcalde, máxime tendo en conta que sí estaban presentes outros representantes políticos, nomeadamente un exalcalde do PP.
Chama a atención Enrique Cabaleiro sobre o feito de que máis aló do partido político ao que pertenza o actual alcalde, este representa a todos os tudenses, polo que a consellería, e a propia conselleira , deberían telo en conta.
O Parque Natural do Monte Aloia é un dos bens naturais máis prezados e un dos valores culturais e paisaxísticos cos que máis se identifican os tudenses, por iso parece unha mostra de pouca sensibilidade esquecer ao representante de Tui, aínda que ben podería parecer un acto de propaganda partidista so aberto aos representantes do Partido Popular.
A Copa San Telmo de fútbol veterano enfrontará de novo ao Tyde F.C. e ao S.V. Valenciano
Xa disputaron a Copa San Teotonio nas Festas de Valença
Dentro do programa de Festas de San Telmo e do calendario de actividades deportivas da Eurocidade, este sábado, 22 de abril, ás 12.00 horas españolas, no Campo de Fútbol Municipal "Álvarez Durán", disputarase a Copa San Telmo de Fútbol Veterán, que enfrontará aos equipos do Tyde F.C. e do S.C. Valenciano.
Este partido será a volta do disputado en Valença, o pasado mes de febreiro, nas Festas de San Teotonio, onde o resultado foi e será o que menos importa, se non a posibilidade de ver a exxogadores de ambos equipos nunha xornada de amizade deportiva.
Instaláronse sete colectores de aceite usado nas parroquias
O ano pasado recicláronse 4,2 toneladas de aceite de cociña usado recollidas nos dez contedores que había no casco urbano
Tui conta con sete novos contedores de recollida de aceite doméstico usado que se suman aos outros dez que xa estaban instalados en distintos puntos do casco urbano. Os novos colectores foron colocados nas distintas parroquias en concreto en Rebordáns, Caldelas, Guillarei, Randufe, Areas e Pazos de Reis.
O ano pasado nos dez contedores que están distribuídos polo casco urbano recolléronse 4,2 toneladas de aceite de cociña usado.
Coa colocación deste novos colectores Tui avanza no obxectivo fixado de continuar incrementando a reciclaxe selectiva do lixo que se xera no municipio, fixando coma obxectivo para este ano duplicar a cantidade de aceite usado de cociña recollido o ano pasado. Para logralo o concelleiro de Medio Ambiente, José Martínez Tato, salienta que é fundamental a colaboración cidadá, polo que fai un chamamento á poboación a aportar o gran de area na reciclaxe selectiva.
A Carreira Solidaria de San Telmo reunirá a centos de deportistas en Tui
Participarán atletas dende os 3 anos
O próximo domingo, 23 de abril, dentro do programa das Festas de San Telmo, celebrarase a tradicional Carreira Solidaria de San Telmo, proba deportiva organizada polo Club Atletismo Tui-Thermalia e o Concello de Tui. Este evento deportivo un ano máis terá carácter solidario en beneficio da Asociación SOS Tomiño Baixo Miño.
As inscricións para esta carreira pechan mañá mércores, ás 23.59 horas, podendo facelas a través da páxina web do Club Atletismo Tui-Thermalia, https://clubatletismotui.wordpress.com/carreira-san-telmo/, co único requisito da entrega dun quilo de alimentos non perecedoiros no momento da recollida do dorsal.
A partir das 11.00 horas, dende o Paseo da Corredoira, darase a saída das categorías xuvenil, sénior e veterano, facendo un percorrido de ao redor de cinco quilómetros. A partir das 12.00 horas empezarán o resto de categorías, dende os cadetes ata os máis pequenos, a categoría pitufos, cos nenos e nenas de tres anos.
Maior capacidade, accesibilidade e seguridade son parte dos motivos que levaron ao goberno municipal a cambiar o emprazamento das atraccións nas festas de San Telmo
A proximidade do novo centro de saúde e a próxima apertura da rúa Ourense forman parte tamén das premisas que levaron á toma desta decisión
O goberno municipal de Tui sae ao paso das críticas recibidas por parte dos empresarios das atraccións que outros anos acudían ás festas de San Telmo e mantén o emprazamento das atracción na rúa Rosal, afirmando que non se volverá utilizar para este fin a traseira da Área Panorámica. Lamentan dende o goberno municipal que non se teña chegado a un entendemento cos empresarios polo que este ano non hai atraccións nas festas.
Son varios os motivos que levaron ao goberno municipal a tomar a decisión do cambio de emprazamento das atraccións durante as festas de San Telmo. En primeiro lugar a falla de autorización por parte do SERGAS para colocar os postos xunto ao novo centro de saúde polo ruído que xerarían. A isto súmase o feito de que na traseira da Área Panorámica non cambian todos os postos, polo que como en anos anteriores terían que colocarse tamén no viario público cos conseguintes problemas no tráfico. Amais trátase dunha decisión de futuro xa que a apertura da rúa Ourense fará que neste emprazamento non se poidan volver instalar as atraccións.
Dende o goberno municipal saen ao paso da críticas dos empresarios das atraccións tamén no referente ao tempo no que se lles informou do cambio de emprazamento, xa que hai mes e medio nunha reunión informal coa concelleira de Urbanismo xa se lles comunicara que non se poderían instalar na traseira da Área Panorámica, e posteriormente nunha reunión solicitada polos feirantes se reiterou esa decisión.
Con respecto ao novo emprazamento, a 200 metros do que se viña utilizando, dende o goberno municipal o alcalde, Enrique Cabaleiro, apunta que é máis accesible, non ten afeccións, e foi acondicionado oportunamente para este uso. En canto á seguridade das atraccións, o goberno ao igual que fixo en 2016 ía contratar a unha empresa de enxeñería para certificar cada atracción, e as máis pesadas ubicaríanse no viario público das unidades de execución.
Ante a postura dos empresarios das atracción de decidir non montar na traseira da Área Panorámica, e non facelo noutro emprazamento, dende o goberno municipal fan firme a súa postura por todos os motivos expostos.
|